PERFECTA IMPERFECCIÓN Por Laura Camino. Publicado en Galicia Hoxe el 9 de diciembre de 2005. Daquela a moitos soáballes o nome. Era un grupo misterioso con cancións nada comerciais e coa voz desa “actriz española tan guapa” de nome exótico. Foi hai un ano. No Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago. Un concerto que prometía relax e tranquilidade, nunca noite propicia a parar o tempo para permitirnos soñar cos sons máis doces. Amor a primeira vista. Non había oco para ninguén máis nas butacas daquela enorme sala do concerto. Miraba cara atrás e o único que vía eran rebulideiras cabezas ansiosas de música. A súa aparición no escenario non se fixo esperar. Unha mociña sinxela agochada tras un sombreiro negro amosouse ante nós. Os primeiros acordes do seu homónimo Marlango naceron entón e deseguida encheron ata o último recucho daquela xigantesca sala. Un espazo que se fixo pequeno ante a impresionante voz de Leonor. Un momento máxico. Unha noite que non defraudou. Xa daquela nos achegaron algúns dos que serían os novos temas do seu segundo disco –lembro o xenial Tip Toe–. E xa se sabe, as cousas boas fanse esperar. Automatic Imperfection acaba de saír ó mercado, un ano depois, e Compostela non podía perder a oportunidade de escoitalo en directo. Como un agasallo de Nadal adiantado, o próximo xoves, día 15, os Reis Magos Leonor, Alejandro e Óscar aterran na Capitol de Santiago coa promesa dunha noite para soñar. O tempo vaise parar de novo en Compostela. Nunha atarefada xira que Leonor ten que combinar coas rodaxes –a súa axenda, asegura, é un auténtico sudoku–, e cos carteis de ‘non hai billetes’ en moitos dos seus concertos, Marlango presenta o seu novo Automatic Imperfection, un disco resultado das vivencias do trío durante o último ano, tanto durante a grabación do seu disco debú como nos concertos de presentación do primeiro traballo, o que confirmou que Marlango é unha banda que si vale a pena. Un formato que foxe do comercial, con música para escoltar desde a butaca e que, non obstante, funciona. É o que pasa cos sons de calidade. Que non cansan. Así chegan. Cun disco baixo o brazo. Un traballo cuxas letras nos trasladan ás experiencias vividas por Leonor, Alejandro e Óscar nas súas viaxes por España, Portugal, Xapón e Francia. É neste último país, precisamente, onde gravaron Automatic Imperfection, nos estudos Du Manoir en 2004; un traballo que completarían nos madrileños Trak en maio deste ano. Nas súas letras, desde o primeiro Shake the moon ata Wrong way adivíñase, pois, un pouco do día a día destes tres artistas que son pezas dun puzzle que encaixa á perfección –¿á imperfección?–. Dun día a día no que a súa banda sonora se construíu ó ritmo dos discos de Calexico, Radiohead, Sonic Youth, The Doors e, por suposto, Tom Waits. ‘Automatic Imperfection’. O título do novo disco de Marlango suxire unha idea presente en todos os aspectos da vida, empezando pola natureza, e que fai que todo funcione, aínda que sexa dn modo imperfecto: da mestura do automático e imperfecto nace sempre algo bo. O traballo dunha máquina perfecta, automática, enfrontado ó dun músico humano e imperfecto. Este é o punto de partida do disco. É o punto de partida e tamén tema central. Automatic imperfection –corte seis do disco– é un tema en espiral. A banda compárao co Madness do seu debú e traballo homónico, un tema “que non acaba”, que segue e segue... “É como esa peza de dominó á que lle dás un toque e arrastra a todas as demais. É a súa columna vertebral. Tocándoa en directo dan ganas de que non termine nunca, igual que con Madness, as dúas son cancións en espiral, sen principio nin final. Encántanos”, aseguran. Cunha estética moito máis minimalista, un disco gris e vermello e un mix de estilo en cada un dos seus temas, Marlango demostran que son algo máis que a misteriosa banda desa “actriz española tan guapa e de nome exótico”. Un grupo con personalidade propia que se consolida entre o público español e sons que chegan novos e como acabados de nacer ós nosos oídos. Letras que falan –algo de agradecer–, temas que fuxen de tópicos, ritmos non bailables –e que funcionan– e unha estética moi válida. Música, en definitiva, para ler, escoitar, pechar os ollos e bater ás. Compostela ten unha segunda oportunidade e Marlango vai ratificar, seguro, a súa calidade sobre o escenario. O tempo vaise parar o próximo xoves na Capitol. A mociña de sombreiro negro que o ano pasado nos namorou sairá outra vez. E encherá ata o último recuncho da sala. Coa súa perfecta imperfección.